San Xiao de Roca e a última restauración da Igrexa

XAQUÍN CAMPO FREIRE,. ROCA, 01-06-2017. (NO MEU 80º ANIVERSARIO).

DOCUMENTOS PARA A HISTORIA DA NOSA PARROQUIA DE SAN XIAO DE ROCA

1.- INTRODUCIÓN.- En maio de 2003 cumprín 66 anos. En xuño xubileime da miña profesión civil de ATS-DUE no Centro de Saúde-PAC de Fene, A Coruña. En setembro de 2003 funme a Roma por dous anos a estudar para facer unha licenciatura en Pastoral da Saúde coa finalidade de reciclar a miña formación para esa nova etapa que se denomina terceira idade. Eu desexaba dar un avance cualitativo na simbiose que viña facendo na miña misión de sacerdote e enfermeiro. Fixera ATS co gallo de atender aos xitanos asentados na parroquia de Piñeiros-Freixeiro da que eu era párroco desde os anos 1968-78. Non existía servizo público de saúde.

Por esta ausencia da terra tiven relación epistolar moi frecuente co meu sobriño Roberto Francisco, tamén enfermeiro, que vivía en Roca e era presidente da Comunidade veciñal de montes en man común. Iso fixo que el estivese á fronte liderando moi activamente tamén os problemas da parroquia como entidade sociolóxica. Unha das urxencias desta comunidade veciñal era a igrexa parroquial que se estaba a deteriorar en tel grao que se non se lle valía xa podía ir a ruína. Tamén houbo reforma e ampliación no cemiterio. Por ser eu nativo de Roca tamén me doe todo canto a esta veciñanza lle suceda.

Precisamente por estar lonxe produciuse entre nós os dous unha correspondencia regular por correo electrónico que conservo. Entre esas notas escritas está o relato do proceso de restauración da igrexa de Roca. Penso que, pasados xa trece anos, é interesante dar agora ao público este documento, eliminando previamente o que se refire a cousas familiares.

2.- DOCUMENTO INICIAL.

 

«D. Ramón Otero

Ecónomo do Bispado Mondoñedo-Ferrol

Domus Eclesiae

Apdo. 176 – Ferrol.

 

Asunto: Restauración Igrexa Parroquial de San Xiao de Roca.

 

Remitente: Comisión pro-restauración da igrexa parroquial de Roca.

 

Diríxome a Vde. atendendo ó interese manifestado polos veciños desta Parroquia de Roca que, reunidos o día 18 de decembro de 2003, acordaron que diante do Bispado de Mondoñedo-Ferrol e ante quen corresponda se deixe constancia por escrito de que:

1.- Esta comunidade parroquial acorda en asemblea o día 3 de novembro de 2000, por unanimidade, inicia-los trámites oportunos para o amaño da igrexa dado o seu grave deterioro.

2.- Pedidos distintos presupostos e recibido un só para a restauración, en asemblea de 27 de xuño de 2001,  a comunidade decide solicitar permiso e colaboración ó Bispado.

3.- Unha comisión en representación da comunidade, integrada por Roberto Fco. López Campo e José Angel Paderne Martínez, reúnese na Domus Eclesiae en Ferrol o día 7 de novembro con D. Ramón Otero, ecónomo de Bispado de Mondoñedo-Ferrol, plantexando a solicitude parroquial.

Discutidos distintos aspectos da restauración, Bispado e comisión parroquial, comprométese a facer unha aportación de cada parte de 21.000 €. A maiores a comunidade solicitará diante da administración local axudas que se prevén entorno ós 9.000 €. Esto supoñería unha dotación presupostaria de 51.000 €.

4.- Esta proposta, presentada á comunidade parroquial pola comisión, é aceptada por unanimidade en asemblea o día 17 de novembro de 2001 coa única condición de que se proceda á restauración na maior brevidade pois do contrario a referida aportación veciñal destinarase a outros fíns.

5.- O día 12 de setembro de 2002 a comisión parroquial recolle, na Domus-Eclesiae en Ferrol, o Proxecto Arquitectónico Básico de restauración e rehabilitación da igrexa parroquial de San Xiao de Roca. Este proxecto está asinado polos arquitectos D. Antonio Bouza Pita e Dª Pilar García-Magariño e visado polo Colexio de Arquitectos de A Coruña na data de 27 de xuño de 2002.

6.- A comisión parroquial solicita licencia municipal para a execución da obra o día  11 de outubro de 2002. Licencia concedida en sesión extraordinaria pola Comisión de Goberno do Concello de Guitiriz co nº 148/2002

7.- A comisión parroquial recibe un só presuposto para a execución da obra, dos distintos solicitados, o día 01 de novembro de 2002 e a efectos de proceder á execución das obras ponse en coñecemento do Bispado. Neste momento ínstasenos a agardar a posibilidade de que esta obra sexa incluída dentro dos presupostos que a Xunta de Galicia habilita para o Camiño de Santiago.

8.- Con data 25 de xaneiro de 2003, a comisión parroquial recibe notificación do acordo adoptado pola Excma. Deputación Provincial polo que se concede unha axuda para o fin proposto de 9000 €.

Despois de ter esperado un ano longo sen ter recibido contestación favorable que nos permita poder inicialas obras.

Despois de que recentemente aparecera nos medios de comunicación unha memoria  das distintas obras do bispado de Mondoñedo-Ferrol para o presente ano 2004 e que nela non non se contempla a restauración da igrexa de San Xiao de Roca.

Tendo ás portas a celebración da nosa Festa Patronal nunha igrexa chea de goteiras e totalmente abandonada.

Por todo o anterior é polo que se pon en coñecemento de Vde. o acordo referido ó inicio deste escrito polo que esta parroquia de Roca por unanimidade o día 18 de decembro de 2003 decidiu poñer como data tope para o inicio das obras de restauración da igrexa parroquial o vindeiro 30 de abril. De non ser así esta comunidade e tal como se recolle no punto 4 deste escrito a aportación parroquial destinariase a outro fin.

 

Agardando unha pronta resolución, reciba un cordial saúdo.

 

En Roca a 12 de xaneiro de 2004.

Pola comisión.

Asdo. Roberto Fco. López».

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *