San Xiao de Roca e a muller de pedra de Víctor Corral Castro

XAQUÍN CAMPO FREIRE. XAQUÍN DE ROCA. 11-11-2017.

No ano 1999 tiven a sorte e a honra de participar nos “ENCONTROS DA TERRA CHÁ”, no Sant’Alberte de Parga. Alí agradecín publicamente ao artista Víctor Corral Castro, de Baamonde, un agasallo inmenso que nos fixo aos de Roca: A estatua da “MULLER DE PEDRA”, como lle din comunmente.

Recupero o texto daquela miña intervención para que fique memoria dela en Galicia Dixital e logo xa se divulgará polo Google ou outros buscadores da internet. Porque é un dato histórico para conservar na memoria colectiva. Graciñas, outra vez, amigo Víctor Corral.

Sempre teu, Xaquín de Roca.

ENCONTROS NA TERRA CHÁ: VÍCTOR CORRAL CASTRO.

XAQUÍN CAMPO FREIRE 19.06. 1999.

Bo día, amigos, aquí nesta fermosa paraxe de Sant’Albertea e A Pastoriza.

Antes nada, felicitar ao noso ínclito cura e amigo D. Alfonso Blanco Torrado e colaboradores por este milagre dos Encontros e por tantísimas outras cousas.

Os povos e as persoas identificámonos pola natureza, pola fala, pola cultura, polas tradicións, polas obras de arte, etc. Iso que chamamos as “señas” ou trazos de identidade.

Eu nacín en Portodola, ao outro lado deste río, nesa pequena parroquia de S. Xiao de Roca. E a miña crianza foi por estes prados do Santo Alberte. Nesta Pastoriza de Díaz Castro, porque como di el: “o tempo vai de Parga á Pastoriza”.

Nós, en Roca, temos: O Penedo do Castelo, os ríos de Burreiros e o de Fontrexe, o de Fonte Malle e o de A perdiz. O río Roca, e desde as Xuntas, o río Parga. A vía do tren. A igrexiña da parroquia e metade desta fermosa Ponte de S. Alberte. Tamén temos a N.VI e agora a Auto-Vía. Temos muíños: O de Chispa ou de Ación e os Muíños Novos, de parceiros, na Travanca, … e pouco máis.

Acábannos de roubar a ponte de Fontrexe, na antiga Nacional VI, e o Marco da Legua, co gallo desa autovía.

Pero un día, sen mérito algún da nosa parte, un artista xenial agasallounos coa “MULLER DE PEDRA”, como lle din por aquí.

Coma se de sempre nacese naturalmente da rocha desa mesma pedra, alí a plantaches ti entre as dúas variantes da N-VI por un lado, (km. 541 da de antes e 532 da de agora), e a vía do tren o río Parga polo outro.

Xusto aí, está ese monumento á muller galega, esa augadora servizal que lles indica aos romeiros de Compostela que lles vale a pena pasaren o río pola Ponte oxival e repousaren un chisco na Fonte do Santo, a fonte do Sant’Alberte.

E xa de paso coñecen o Santuario e lle rezan unha Salve á Nosa Señora da Pastoriza como fixo o noso poeta Xosé María Díaz Castro, cando anos despois da guerra incivil se achegou aquí de romeiro.

Pois de aí somos nós! De Roca. Que fachenda, non si?

Cando na TV, co gallo da volta ciclista a España, vemos esa obra de arte, os que hoxe lonxe vivimos, con que oufanía dicimos: Olla! Ves aquela estatua na estrada?. De aí son eu e a miña xente! De aí somos nós!

Esa muller de pedra, querida e estimada, representa para nós a laboriosidade, o traballo honrado, e tamén os soños, as fantasías, os proxectos vitais, e … millenta de ilusións máis. Ás veces bágoas.

Ela xa é a nosa estatua. Cando chegamos ou saímos aí está ela recibíndonos ou desexándonos sorte ao partirmos. Ela está xa nas nosas propias utopías. A nosa Estatua da Liberdade!

No nome dos de Roca e dos de San Breixo, dos do Concello de Guitiriz, dos camiñantes e guiandeiros da N.VI, dos romeiros de Compostela, …, de todos, eu quero expresarche hoxe, amigo Víctor Corral, un sentimento grande que teño desde que aí nos deixaches ese agasallo: Grazas de todo corazón.

Oxalá que nunca unha radial, nunha escura noite pecha, nola veña serrar de raíz como está a pasar cos Cruceiros da nosa Terra. Como pasou co cruceiro da Perdiz e co de S. Alberte. Daquela, si que ficariamos con algo moi íntimo absolutamente roubado.

O camiño de Roca e os camiños da vida para nós xa non serían igual. Faltaría ela.

Amigo Víctor, por toda a túa obra de arte, tan ampla e valiosa, grazas.

Pero, pola Muller de Pedra, en Roca, un agradecemento infindo, porque nos define. Porque por ela chégase ás nosas casas. Porque está nos nosos trazos de identidade, nas nosas señas, no noso escudo. Porque foi unha idea e un agasallo absolutamente gratuíto e teu.

E, por ela, ti xa es da nosa familia colectiva, aínda que por sangue tamén tés vencellos de moi vello coa nosa parroquia de Roca, porque polos de Ribado de Quintán e outros máis, ti coma ese río e esa Ponte de Sant’Alberte, ti tamén es metade de nós.

Grazas, querido artista. Sempre teu,

Sdo. Xoaquín Campo Freire, de Xaquín de Roca. Guitiriz. (Lugo).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *