Relatorio de gratitude en tres lances

XAQUÍN CAMPO FREIRE. PIÑEIROS E NARÓN,  10.05.2017.

Que gosto dá vervos de novo.

Como estades? Que tal a familia. Estás animado/a?

Eu gosto moito do teatro e dentro de min hai un gran pallaso. Por iso quero facer unha representación un pouco á miña maneira.

ACTO PRIMEIRO: GRAZAS.

“On ne voit bien qu’avec le coeur: O esencial é invisivel”. «E ningunha persoa maior chegará a comprender xamais que isto teña tanta importancia!”.

Mirando aos ollos de cada unha e cada un de vós, entro no voso corazón e aí vexo o esencial: a túa vida. Esa vida que compartimos xuntos en momentos ben intensos da nosa existencia común e comunitaria e por iso hoxe estamos aquí.

Para celebrarmos a vida. A vida de todos.

A vida vai coma un río e nel imos todos xuntos, regando, dando ledicia, frescura, agarimos e por veces hai perigos ou mesmo mortes compartidas. E ás veces, en soidade.

A vida é coma un tren. Facemos traxectos xuntos. Cada un ten a súas estacións de incorporación e tamén de baixada. Pero houbo un feito importante: compartir vagón, cafetería, corredor, sorpresas, pasaxes e paraxes, persoas e paisanaxes, falas e falares.

E seguimos, sen parar. Avanzamos na ruta con diferentes destinos e proxectos.

Pero coincidimos no traxecto. E tivemos unha relación sincera, emotiva, construtiva. Gratificante. Non estás contento/a de estamos xuntos outra vez? Eu, moito.

Porque hoxe vimos emocionados celebrar esa vida. A túa. A dos teus. A dos amigos. A dos que coincidimos no tren desa viaxe ou nas canles gozosas dese grande río. Por iso eu, hoxe,  novamente:  “Coma a un irmán che falo”.

Coma a un irmao e irmá che falo e dígoche:

GRAZAS, AMIGO/A. E GRAZAS Á VIDA QUE NOS TEN DADO TANTO!

Mírame. Si. Mírame. Sen medo. Grazas a Ti. Quen me dera ter tempo para ir un a un e dicirche persoalmente por que che digo: GRAZAS. Se teño oportunidade falaremos desde o esencial e falaremos, coma sempre, co corazón. E oirasme: Quéroche moito!

Grazas: Familia de Xaquín de Roca e os do Mesón: os padriños e os primos. Grazas Roca e Santa Cruz. E a O Castro. Don Xesús Veres Díaz e familia, pola  infancia e adolescencia. E ao mestre, D. Antonio Martínez Villar. E a María do Alto. Grazas, Seminario de Mondoñedo, berce de cultura e de poetas galegos. Diocese e comunidades de vida, fe e compromiso. E á cada parroquia. E ao mundo xitán. E o ao cárcere. Ás persoas todas. Aos que escribistes neste libro. Á Organización. Äs entidades colaboradoras. E aos que imos escribindo o grande libro da vida. E aos que non chego a citar agora e aquí por falta de tempo e espazo. E á Chaira, un pobo aquí e outro acolá.

Pedín un  Acto sinxelo, sen protocolos, sen primeiros e segundos, como somos nós.

 Gratuito. Sempre andei en ambientes pobres. Se facemos unha comida, só quen teña 50 €, (para derrochar), podería estar. Non porque eu non goste de comermos xuntos. Pero unha merenda de campo esa si que sería festa: partindo, repartindo e compartindo, sen gastos, cantando e bailando. Falando. Así era o mundo no que eu nacín.

Se se fixese unha comida tiñades de pagar a miña e facerme un agasallo. E iso deixaría de lado isto: o esencial, a vida.

Comunitario, de todos e cada un. A túa vida e a de todos, ganduxada, vinculada. Non amarrada. Liberdade de ser e expresarse. De fala e de opinar. De crer e esperar. De abrazarse e bicarse entre todos. De coñecermos novas amizades dos que tamén imos hoxe nese tren da vida, nese río de alegrías e emocións.

Xulio Xiz. Xosé Val Díaz, VALDI. Alfonso Blanco. Nieves Espiñeira Medin. E todos os colaboradores Coma a un irmán che falo. Coma a un irmao e irmá che falo: GRAZAS.

Cae o pano. Foi o Primeiro acto: Só se ve ben co corazón cando se lle pon alma corazón e vida á existencia. O esencial é invisíbel. Porque é experiencial.

 

ACTO SEGUNDO. Seguimos no esencial. É moi importante saber que es, de quen es, do onde ves, para onde vas,  con quen vas, como vas, que queres ser de maior.

Eu son … Xaquín. “Un rapaz da aldea. Coma que dis, un ninguén. E ademais, pobre. E no vrao ando descalzo”.

Os símbolos son moi importantes na vida. E son cousa emocionante e moi seria. Permíteme que vaia emocionadamente ás miñas orixes.  Estes foron os meus comezos e este son eu. E non renego deles. (Ver páx. 10 do libro). Mira a foto. Un rapaciño esfarrapado. Non abandonado: “Sinais da orfandade”, di o pé.

Vou volver á escena: O que me simboliza de verdade. O meu fundamento vital e dos meus anteriores: A casa. As zocas. A fala. A veciñanza. A  honradez. O lugar de onde son e nacín. A fe. En que cres. A quen cres. Porque cres. “Crer só se pode en Deus”. Non nos ídolos: Poder. Diñeiro. Famoseo.

Álvaro Paradela definía: As zocas.  Fundamento e asento do home galego, xunto co caldo. Por iso eu hoxe, agora e aquí sigo asentando nestas zocas. É a miña sagrada orixe. E a de todos os meus anteriores a quen venero e quero ser fiel. Xunto coa fala e a fe. Pero abertos á vida, a cada persoa e a súa cultura e ao futuro.

A esperanza. Vivir no hoxe de cada día pero vivir cara adiante. E non cansar. E deixar un bo herdo: Ser honesto e coherente. Defectos?, os que queiras. Mala persoa e corrupto, nunca. E se te trabucas? Paras. Dás volta e retomas o camiño pagando antes o dano que fixeches. Pedindo e dando o perdón. “Vivir no hoxe de Deus”. “Dade razón da vosa esperanza a cantos vola pidan”.

Xa son maior. Volvo a vista a atrás e repaso. Reviso : ver, xulgar, actuar. Descansas un pouco e retomas a camiñada. Nunca coma de maior es responsável do tempo que che fica por andar. Os mestres de falar en público insisten moito nos bos comezos. Nunha agradável exposición do tema: a vida mediana. E sobre todo nunha boa apoteose final, que sintetice mellorando todo o anterior.

 

Terceiro acto:Os vellos non deben de namorarse”.  Das novas. Do pasado. Hai unha cousa dramática nos vellos: Facer o ridículo mirando sempre cara atrás: “Calquera tempo pasado foi mellor”. Estamos sempre rallando con frases: “Nos meus tempos”. “Avó, din os netos, que xa me dixeches iso cen veces”.

Iso no quer dicir que abandonemos a nao. Que deixemos de entregar o testemuño, o relevo sagrado de toda a cultura, fala, historia persoal, familiar e comunitaria. O NÓS.  Para mariñeiros nós. Para obreiros, nós. Para labregos, gandeiros  e campesiños, nós. Para homes e mulleres, nós. Para povo unido que nunca máis será vencido, nós. Para honrados e honestos, nós. Para emocionados coa nosa historia verdadeira, abertos ao mundo mundial, á terra da fraternidade universal do Zé Afonso: “o povo é quen máis ordena”: Unha verdadeira democracia.

Iso somos NÓS. Hoxe e aquí, esta grande familia, que fomos coincidindo.

Por iso, síntete celebrando a túa vida, o teu amor, aos teus, os novos e maiores, presentes ausentes ou xa  no alén.

CONCLUSIÓN:  Eu son un seguidor de Xesús de Nazaré: Non teñades medo. A túa fe salvoute. Érguete e anda. A verdade faravos libres. Felices os de corazón limpo porque onde poñan os ollos verán cos ollos de Deus, co amor de Deus, co respecto de Deus.  Por iso verán a Deus alí. E eu hoxe vexo profundamente  a Deus nas vosas vidas e ogallá vós descubrades en min ao Deus do Amor, da Xustiza, da irmandade universal e da paz.

Quero rematar deixando unha mensaxe para os maiores e para quen estea en momentos baixos. Pídolle prestada a palabra a Mario Benedetti. Vai para todas e para todos.

 

Non te rendas (Mario Benedetti)

 

Non te rendas,

aínda estás a tempo

de alcanzar e comezar de novo,

Aceptar as túas sombras,

Enterrar os teus medos,

Liberar o lastre,

Retomar o voo.

 

Non te rendas

que a vida é iso,

Continuar a viaxe,

Perseguir os teus soños,

Destrabar o tempo,

Correr os entullos,

E destapar o ceo.

 

Non te rendas.

Por favor, non cedas!

Aínda que o frío queime,

Aínda que o medo trabe,

Aínda que o sol se esconda,

E que cale o vento,

Aínda hai lume na túa alma

Aínda hai vida nos teus soños.

 

Porque a vida é túa

e teu o desexo

Porque o quixeches

e porque te quero

Porque existe o viño

e o amor,

é certo.

Porque non hai feridas

que non cure o tempo.

 

 

Abrir as portas,

Quitar os ferrollos,

Abandonar as murallas

que te protexeron,

Vivir a vida e aceptar o reto,

Recuperar a risa,

Ensaiar un canto,

Baixar a garda e estender as mans

Despregar as ás

E intentar de novo,

Celebrar a vida e retomar os ceos.

 

Non te rendas,

por favor,

non cedas,

Aínda que o frío queime,

Aínda que o medo trabe,

Aínda que o sol se poña

e que cale o vento,

Aínda hai lume na túa alma,

Aínda hai vida nos teus soños,

Porque cada día é un comezo novo,

Porque esta é a hora

e o mellor momento.

Porque non estás soia

Porque non estás só,

porque eu te quero.

 

Non te rendas.

Por favor non cedas,

NON TE RENDAS

Amiga. Amigo.

Bicos. Grazas!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *