Ramón Marful: A sorte de encontrar na vida persoas tan boas

 

XAQUÍN CAMPO FREIRE. MANDIÁ-FERROL, 14-11-1017.

 

Este vaise e aquel vaise.

Nestes días,

xa van catro nesta banda.

 

Cando se van os amigos

Morre moito aló na alma!

 

Xa quixera ter eu a túa bondade esencial e a túa autenticidade.

Xa quixera para min a túa amabilidade e o teu saber

para desdramatizar aquilo que mesmo parecía terríbel.

Xa desexaría eu ser un home de fe e vida interior

envolta sempre nun amor tan limpo e solidario do que nos deixas exemplo.

Xa me atrevería a pedirche que a paz e a calma

con que afrontabas a vida e os contratempos

nola deixases en herdanza por quintais métricos

multiplicados con ese humor sereno

e, por veces, un pouco pícaro.

Xa me gustaría, …,

 

Estoute vendo e oíndo:

– ” Xaquín,déixate de tantos potenciais verbais

e traballa en serio a túa vida

e os retos que non acabas de afrontar.

 

Porque eras desconcertante e incómodo.

Contigo non valían os auto enganos.

 

Comprensión?

Infinita.

Si.

Pero autenticidade de vida e sinceridade

sen reviravoltas.

 

Fuches un verdadeiro mestre de vida espiritual

cos pés moi afincados na realidade deste mundo.

Honrado a carta cabal.

 

Cando estabas en Guitiriz,

témonos axudado mutuamente moito.

Moitas, moitísimas veces.

 

Grazas, Ramón, por todo.

 

E non te despistes no ceo como che pasou no Tren da Costa en Ortigueira,

cando te deixaron nun vagón desenganchado e en vía morta.

Ti ías de Ferrol para Foz.

E alí te tiveron media hora.

 

Como te sabías rir de ti mesmo!

Quen me dera o teu humor!

 

Gustabamos de meternos contigo

e facerche brincadeiras raras.

Lembras aquelas cartas tramposas

que che enviaron desde un pseudo Laboratorio Portimâo, S.L., de Portugal?

Solicitaban de ti seres representante comercial da viagra

para toda a zona Costeira de Lugo

e facer así apostolado cos matrimonios moi maiores?

 

Que ben encaixaches a broma

e como lla pasaches logo moi finamente a moitos.

Todos estaban estrañados.

Por que se fixaran precisamente en ti?

Sendo, ao fin, un home tan espiritual.

Algúns bramaron contra as faltas de respecto deste mundo empecadado:

Solicitar a un crego para ese negocio!

Blasfema!

Outros queixábanse.

A eles non lles mandaran tal propaganda.

 

E ti, solermeiro, observabas as reaccións de todos eles.

Canto nos temos rido despois coas ditosas catro cartas.

 

Grazas infinitas e perdóame.

Eu confésome pecador.

Eu traballaba daquela na sanidade.

Aquela propaganda estaba no Centro de Saúde.

E pensei en ti para ver como reaccionabas.

Pasados uns días funte visitar a Burela

simulando que estaba de paso

coma tantas outras veces.

Comentáchesme o asunto.

Sen máis importancia.

 

A min descolocoume a túa actitude tranquila.

Imaxinábate enfadado.

E faláchesme en serio,

moi en serio,

da vida das familias e do grande sufrimento de moita xente.

 

Volvín para casa dándolle grazas a Deus por coñecerte.

E polo ben que me facía oírte falar con moito respecto da vida.

 

Ramón, realmente fuches un home de Deus.

Entregado totalmente aos demais.

Un exemplo para todos e para sempre.

 

Que Deus nos perdoe as “trasnadiñas”,

sempre provocativas,

que che temos gastado os compañeiros.

 

Dá saúdos ao Bernardo García Cendán

e tamén ao Xosé Manuel Carballo.

Que tamén foron mestres no humor.

 

 

Ven!, bendito do meu Pai, porque fuches fiel.

Entra xa no gozo do teu Señor.

Santa María, Nosa Naiciña do Ceo,

velaí ao teu fillo Ramón.

Xa quixeramos ser coma el!

 

Marful, amigo,

sempre unidos.

Adeus!

 

Como din os rapaces de agora:

Vémonos!

 

Xaquín Campo Freire.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *