PARROQUIA DE SANTA UXÍA DE MANDIÁ – FERROL

Amigos e amigas: Saudiños e saúde para todos e todas.
Somos igrexa. O noso estilo é: falar, consultar, decidir entre todos, tomar acordos, respectar as discrepancias, integrar as achegas e suxestións de cadaquén, por moi distintas ou pequeniñas que sexan. Se alguén opina diferente é porque ve algo distinto e iso sempre enriquece a visión da maioría. É ben escoitar e atender.
Temos o noso templo ben coidado. Así o deixamos hai xa dezaoito anos. Pero agora necesita novamente unha reparación que se presenta grande e extensa.
Por iso vos vai chegar a invitación que vedes a continuación e que desexariamos, que se podedes, a atendades coma sempre: vindo á asemblea o día 06-08-2017, ás 11:30, na igrexa parroquial.

* MANDIÁ ASEMBLEA PARROQUIAL *
LUGAR: IGREXA PARROQUIAL. DÍA 06-08-217.
ÁS 11:00 EN 1ª CONVOCATORIA. ÁS 11:30, en 2ª.

Queridos parroquianos de Santa Uxía de Mandiá – Ferrol.
Vai para 18 anos que pintamos a nosa Igrexa parroquial, pintamos por dentro, renovamos  tellado e cañeiras, etc. Fixémolo entre todos e en boa harmonía. E ficou a xeito aquel traballo feito.
Aquelas persoas, moitas delas, xa finaron. Outras van maiores. Grazas a todos. Canta gratitude vos debemos!
Agora precisamos volver a baixar as mans polo noso templo se é que o queremos seguir conservando. De non ser así, se o imos deixando, logo será peor. Precisamos coidalo.
O Consello Parroquial e o Párroco, coma sempre, desexariamos aconsellarnos con todos vós:  que hai que facer, como é mellor, etc.  Hai varias posibilidades: facelo todo dunha vez, en varias etapas, contratar, facelo entre nós, etc.
Non. Non é para pedirvos cartos. É para falar e decidir.
Por iso agradeceriamos a vosa presenza ese día. Será unha asemblea informativa, de media hora, na que axudedes a pensar e decidir. É unha obra de todos e cremos que debemos falalo entre todos. Sempre é mellor falar antes. Esperamos que, se podedes, nos acompañedes para informarmos de todo e  logo decidirmos.
Recibide un saúdo afectuoso de todo o Consello Parroquial e todo o respecto e consideración do voso Párroco,

Xaquín Campo Freire

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *