O tempo do preso é tempo de Deus

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 29-06-2017.
Hai xa anos que por primeira vez vin esta frase. Recordo perfectamente o lugar e a hora. Incluso a cadeira e a mesa. Tiña febre. Foi en Madrid. Impactoume fondamente. E logo seguían outros subliñados: “Tampouco escapa ao señorío de Deus o tempo da reclusión”. “Incluso o tempo transcorrido no cárcere é tempo de Deus e, como tal, ten de ser vivido”. “É tempo da persoa”. “Tempo no que cada quen é ‘un mesmo’ diante de Deus, á súa imaxe e semellanza”. “Os poderes públicos poñen entre paréntese, por períodos máis ou menos longos, (seguindo as leis), a liberdade persoal do ser humano”. “Pero eles non son donos nin señores do tempo do preso”. “A condición carceraria ten o risco de despersonalizar ao individuo, privándoo de tantas posibilidades de expresarse a si mesmo publicamente. Porén temos de recordar que diante de Deus non é así: o tempo é «tempo da persoa» para progresar no descubrimento gradual da verdade sobre si mesmo, cara á salvación integral”. “Cada un está chamado a sincronizar o tempo do propio corazón, único e irrepetíbel, co tempo do corazón misericordioso de Deus”. (Mensaxe xubilar do ano 2000. Xoán Paulo II)

Tamén para a sociedade toda o tempo dos presos das distintas formas de encadeamento é tempo de Deus. É sagrado e ten de ser tratado con dignidade a persoa e o seu tempo.
Estou a facer desde hai anos un voluntariado no cárcere de forma exclusivamente persoal. Non teño ningunha encomenda de ninguén, grazas a Deus. Só como unha responsabilidade persoal. É a forma de socializar a miña pensión. Débovola á sociedade. As pensión son a liberación do traballo manual profesional chegada unha idade, pero nunca para perdermos inutilmente o tempo.
E loitei para achegármonos todos xuntos á realidade dos presos, das familias, das vítimas e da sociedade de orixe e de acollida posterior, (porque do cárcere sáese), á propia sociedade e ás organizacións cívicas, civís e relixiosas.
Teño a ledicia de que, por fin, o bispo diocesano de Mondoñedo-Ferrol incluíu esta pastoral no organigrama da diocese como un labor necesario e imprescindíbel de toda a comunidade eclesial diocesana. Nunca é tarde. Xa nomeou un delegado diocesano para crear, promover e organizar este apoio pastoral aos presos e presas, ás familias, ás vítimas silenciosas e silenciadas e aos mundos achegados ás contornas de todos eles: xudicatura e xulgados, avogados e procuradores, asociacións de axuda e rehabilitación, reinserción e resocialización. (Art. 25,§ 2 da Constitución española).
Entendín na miña vida aquilo da teoloxía: o tempo é un kairós de Deus. “Non temos nas nosas mans as solucións para os problemas do mundo. Pero fronte aos problemas do mundo, temos as nosas mans. Cando o Deus da historia veña, ha mirar ás nosas mans”. (Mamerto Menapace).
Teño oitenta anos e xa vexo o relevo. “Nunc dimittis servum tuum, Domine, secundum verbum tuum in pace: Quia viderunt oculi mei salutare tuum quod parasti ante faciem omnium populorum: Lumen ad revelationem gentium et gloriam plebis tuae Israel”. (Lc 2, 29-32).
Xa podo emigrar novamente cara a outra pastoral desas que chaman orfas porque son de pobres, que ninguén as quere e que ningún samaritano descobre e baixa do burro para atendelas. Que Deus nos guíe ben nunha nova xeira, ata cando Deus queira. Verémonos nas novas angueiras, amigos. Xa falaremos. Grazas polos camiños andados en común.
Para min “o tempo dos presos xa será para sempre tempo de Deus”. Un kairós: Os presos evanxelízannos. Graciñas, irmáns e irmás reclusos e aos mundos das contornas carcerarias.
Sempre ao voso mellor dispor. Xaquín Campo Freire.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *