Noraboa e parabéns

XAQUÍN CAMPO FREIRE. MANDIÁ-FERROL, 30-08-2017
Cando nunha familia se producen novas ben gozosas teñen de ser celebradas e mesmo anunciadas.
Como agosto é tempo de dispersión agardei polo retorno á vida normal no setembro para dar as noraboas e os parabéns.

NORABOA POR QUE?
A Pastoral Penitenciaria acaba de entrar oficialmente no organigrama da Pastoral Diocesana que vertebra e coordina as diversas especificacións da atención evanxélica nas distintas necesidades do pobo de Deus e mesmo tenta de axudar a dar repostas aos problemas da cidadanía.


Non está colocada aí coma unha figurante anónima e sen función. Os Papas véñenlle urxindo reiteradamente ás dioceses o cumprimento deste particular mandato evanxélico: “In carcere eram et venistis ad me”. ( Mt 25, 36).
É esta unha desas pastorais chamadas pobres, das máis pobres, onde os irmáns presos ven deteriorado socialmente incluso o propio nome. Cando perdes o nome, de aí para baixo xa fica ben pouco.
Oídes que entre vós se vos está a dicir a cotío aquilo de “que podrezan no cárcere”. Pero eu dígovos: “Non será así entre vós”. “Tratade aos presos coma se vós mesmos estiverdes nas mesmas cadeas, porque tamén vós tendes un corpo”. (Hb 13, 3).
Hoxe a Pastoral Penitenciaria nace pequechiña entre nós pero xa irá medrando axeitadamente.
Porque “estamos chamados a dar razóns da nosa esperanza” : NORABOA!.

PARABÉNS PARA QUEN?
O Sr. Bispo diocesano ven de nomear ao primeiro responsábel da PASTORAL PENITENCIARIA na diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Alguén di: Non temos cárceres na diocese. Non é exacto. Temos dous cárceres: Bonxe e Teixeiro. A xestión dos cárceres pertencen a sociedade e ás entidades civís. Non seguen as mesmas lindes ca o mundo eclesiástico. Pero temos presos. Moitos presos. E eses si son diocesanos nosos: carne da nosa mesma carne e ósos da mesma osamenta ca nós.
E iso sen contarmos aínda os internamentos de menores de idade que son moito peores do que os cárceres, moito máis descoñecidos, silenciados e esquecidos. Hai moito maltrato xa denunciado amplamente. Ollos que non ven corazón que non fai caso.
E están as familias e as vítimas que viven a cotío ao noso lado ou mesmo son familiares nosos.
E aí está tamén todo o mundo xudicial, avogacía e os diversos voluntariados colaboradores con quen temos de traballar conxuntamente. E estamos toda a sociedade que temos de crearmos unha conciencia e realidade nova nas nosas comunidades de orixe e de retorno. “Non hai vida cristiá sen comunidade”, escribiu ben acertadamente Georges Michonneau xa no 1964.
Juan Pablo Alonso Rolle é a nosa boa nova . Un acerto. Un sacerdote xoven, bo amigo de todos, con ánimos e ansias de abrir camiños de evanxeo: “Cada vez que atendestes a un destes meus máis mínimos, foi por min propio por quen baixastes as vosas mans e nelas puxestes o voso corazón”. (Mt 25, 39-40) Só se ve ben co corazón. O esencial é invisíbel.
“Racharemos cadeas que nos prenden e faremos fuxir a treboada. Falaremos de amor coa nosa xente agardando convosco, (con todos), a mañán crara”. (Fuxan os Ventos en Compañeira).

Benvido e PARABÉNS!, AMIGO JUAN PABLO.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *