Mandiá 2017: En feminino e plural

XAQUÍN CAMPO FREIRE. SEÑORÍO DE MANDIÁ-FERROL, 01-07-2017.

A festa da padroeira ou patrón dunha parroquia da Galiza dános a oportunidade para traer á memoria o percorrido persoal e comunitario deste último ano. Por sorte para todos estamos en plena eclosión do avance da muller no mundo. Entre nós, este ano, queremos facelo así: MANDIÁ, EN FEMININO E PLURAL. Por iso cómpre, a xeito de canto épico, proclamarvos os nosos pequenos grandes trunfos dos que estamos gozosos. É un bo intre para encher de vida a nosa celebración festiva. Velaquí algúns paradigmas:

1º.- SANTA UXÍA.
O nome de “EUGHENÍA” vén do grego e significa : “a ben nacida” ou “nobreza de nacemento”. Santa Uxía de Alexandría, (s. III.), era filla dun senador romano. A santa trasladouse coa familia a Roma onde finou na cadea, degolada pola espada dun verdugo. Uxía é unha das santas antigas no culto hispánico, (quizais do século VIII). Isto é indicativo de que a nosa parroquia de Mandiá é das máis primitivas e antigas da Galiza, onde hai outras nove parroquias con esta titular como padroeira. Nós temos á fronte un egrexio exemplo dunha dona que se rebelou contra do abuso, da violencia e da violación. Tivo fe en Deus e en si mesma. Creou obras de solidariedade e promoción humana en Exipto e na Roma imperial. Coma moitas das nosas irmás de hogano, despois de moita loita e persecución, foi martirizada. Pero a súa causa non esmoreceu e nós seguimos esta memoria histórica reivindicativa.Temos nela unha tradición máis que milenaria. É ben posíbel que en Mandiá polo século VIII ou IX na Villa Mandillanis (Mandiá hoxe para nós) xa ela tivese unha capeliña. Desde aquela, Santa Uxía, mártir romana do século III, deunos nome colectivo e presidiunos. E, desde aquela, cada ano, aquí estamos con fachenda.

2º.- CATRO CENTENARIOS EN FEMININO QUE TAMÉN SON NOSOS:
a) A Virxe de Fátima. No ano 1954 un grupo grande de rapaces e mozas encargáronlle a Feal, para Mandiá, unha talla da Virxe de Fátima. Aqueles novos son hoxe os nosos maiores. Co gallo do centenario de Fátima institucionalizamos o reencontro daqueles xovens. Foron emocionantes os bicos e apertas. Levaban anos sen se veren nin saíren da casa. Dúas veces ao ano darémonos a oportunidade de renovarmos a nosa mutua visualización. Na estatística, contados un a unha por nós, somos 150 os maiores de 70.
b) As irmandades da fala. Recoñecemos o seu labor a prol do patrimonio espiritual máis prezado e tamén o máis en perigo de destrución por desapego. Para que vale o espiritual?, dinnos incluso desde a Xunta da Galiza. Nunca ninguén maltratou tanto a lingua. Nós falamos galego, celebramos en galego, rimos, vivimos choramos e morremos en galego. E estamos abertos a todas as linguas das outras persoas. De feito cando alguén de fóra vén á nosa comunidade, sempre ten e terá un espazo de expresión agarimosa e un aplauso de acollida. Nin somos excluíntes nin separadores. Iso deixámosllelo a outros.
c) As letras galegas. Femininas en por si. A celebración deste evento é o 17 de maio. Tal día como ese en 1863 publicouse en Vigo o primeiro exemplar da obra Cantares gallegos de Rosalía de Castro que marcaría o inicio do “Rexurdimento” ou ‘re-nacemento’ cultural do galego. Feminina foi Rosalía, a primeira nomeada no 1963. Feminina será a derradeira, María Vitoria Moreno Márquez, Letras Galegas 2018, por ser “unha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis xoven”. Desde daquela, cada ano para nós sempre é centenario e así o celebramos.
d) Incluso a nosa igrexa. Cumpre 120 o ano que vén. Habémolo celebrar. Estámola deixando mellor do que cando se acabou no 1898. Faremos un libro.

3º.- SE DE ALGO PODEMOS PRESUMIR É DA NOSA XENTE.
Da veciñanza. E aí, nun labor rexo e duro, sempre presentes as nosas mulleres: as avoas e trasavoas, por xeracións incontábeis. As nenas e anciás, as rapazas e nais de familia. Para elas toda a nosa veneración. Elas encheron de festa e alegría a nosa sociedade. Todas elas deron a vida dando vida, agarimos, exemplos e amor. Moitas delas deron a súa vida por dar a vida. E todas entregaron a vida, a cotío, no silencio e anonimato. Moitas veces abusadas. Secando ás escondidas as súas propias bágoas. Por iso, neste memorial anual, para as nosas mulleres, nais ou non, para elas a nosa veneración solemne a carón de Santa Uxía. Nunca máis unha muller maltratada. Nunca máis unha muller abusada. Nunca máis unha nena morta. Todos nós nacemos dunha muller. E mulleres son as nosas irmás e compañeiras. Somos carne e sangue da súa propia carne e do seu sangue verquido. “O esencial e invisíbel. Só se ve ben co corazón”.

4º.- UN ASCENDENTE DE DONA CONCEPCIÓN ARENAL SAÍU DE SANTA UXÍA DE MANDIÁ.
Dona Concepción Arenal Ponte aínda aparece vencellada co Señorío da nosa freguesía polos apelidos dos seus avós maternos. A súa nai, Dona María de la Concepción Ponte Ferreiro, era filla de don José Ponte y Mandiá e dona María de la O Juana Ferreiro y Bermúdez de Castro. Así o acredita a fe de bautismo, rexistrada en San Xiao de Ferrol, Libro sétimo, no folio correspondente á data nela indicada. Nese berce aprendeu ela a ter ese corazón grande e esa loita pola xustiza. Foi sempre unha muller moi intelixente, loitadora e arriscada. Tivo de ir a Universidade disfrazada de home para poder asistir ás aulas de dereito. Foi unha experiencia moi gozosa e esperanzadora. Foi perseguida por reformar as condicións das prisións sobre todo as das mulleres. Pero os da corrupción e a inxustiza perseguírona ata tentar eliminala. Sempre é o mesmo. Autora de diversos libros: “Beneficencia, filantropía y caridad” (1861), “Estudios penitenciarios” (1877), “La mujer del porvenir” (1884). Frases célebres dela: “Odia al delito y compadece al delincuente”. “Abrid escuelas y se cerrarán cárceles”. “El hombre que se levanta es aún más grande que el que no ha caído”. “Quien ve estas existencias y las comprende y las siente (las de muchas mujeres) se admira de que no sea mayor el número de las prostitutas, de las suicidas, de las criminales, y cree en Dios y en su conciencia que debe pedir educación para la mujer, que debe reclamar para ella el derecho al trabajo, no en el sentido absurdo de que el Estado esté obligado a darle, sino partiendo del principio equitativo de que la sociedad no puede en justicia prohibir el ejercicio honrado de sus facultades a la mitad del género humano”.

5º.- ÁNGELA RUIZ ROBLES. MESTRA, ESCRITORA E INVENTORA.
“Dona Angelita” foi dez anos mestra de nenas en Mandiá. Seguro que entre a xente maior aínda están vivas alumnas dela. Velaquí algo da súa biografía. O 28-03-1895 nace en Villamanín, León. Fixo estudos superiores na Escola de Maxisterio de León. 1915 e 1916, primeiras aulas de taquigrafía, mecanografía e contabilidade mercantil. 1918-1928, mestra por oposición en Santa Uxía de Mandiá, “una aldea próxima a Ferrol”. “O 18-12-1925, recibe dos veciños unha distinción especial polos seus indiscutíbeis méritos en agradecemento á súa dedicación e atención desinteresada”. Desde 1934, na Escola Nacional de Nenas do Hospicio: Un moi meritorio e importante labor. 1945, profesora na Escola Obreira. En 1948, taquigrafía, ortografía, gramática e mecanografía no Colexio Ibáñez Martín. No 1959 accede á dirección ata a xubilación. Precursora do libro electrónico. De 1944 é o proxecto do ‘atlas científico-gramatical’: gramática, sintaxe, morfoloxía, ortografía e fonética. Logo a ‘máquina taquimecanográfica’. En 1949, a proposta de Enciclopedia Mecánica. O 27-10-1975 finou en Ferrol e repousa no panteón familiar do cemiterio de Serantes, Ferrol (A Coruña).

6º.- ANGELA CARNEIRO FERNÁNDEZ.
Primeira muller Presidenta da Asociación de Veciños. Ano 2014. Pode parecer unha nimiedade. Pero non é así. De tradición sempre foi un home. E no rural as tradicións pesan o seu. Dar ese paso, así de entrada, xa é unha valentía e un risco. Se o fas ben é a túa obriga. Se tes fallos ou non van adiante as xestións no Municipio, entón, “como lle van facer caso a unha muller”. Pero tan ben o fixo que se ela non se pon á fronte había perigo de disolución da entidade. Ninguén quería recoller o relevo. Fíxoo ela. E sen grandes proclamas sacou adiante os intereses comunitarios. Parabéns! E moitas grazas, querida Ángela.

7º.- A EQUIPA FEMININA DE FUTBOL DE MANDIÁ.
Están facendo méritos abondo e abríndose camiño con moita crase e cun estilo diferente. Sempre adiante!

8º.- HAI UN SEN FIN DE MULLERES EN CADA CASA, EN CADA FAMILIA, NA COMUNIDADE.
Méritos? Todos. Na realidade máis real, quen fai a comida e coida a casa? Quen está no hospital ou a carón do enfermo día e noite, amortalla, cóse, pasa o ferro, dá escola, investiga, remata os estudos nos distintos graos do ensino? Quen coida da nosa igrexa e adorna o cemiterio? Quen organiza as excursións, dá catequese, vai a escola cos nenos e nenas, organiza as festas e merendolas dos nosos anciáns, acolle aos netos e netas para os pais poder iren traballar, … , etc. etc.? “Cherchez la femme!”,“Toujours la femme”. Debera ser así? Están cambiando as cousas. Pero históricamente os traballos e sacrificios, e mesmo as bágoas, son de quen puxo alma, vida e corazón. Tamén temos viúvas de vivos e mortos e moitos camiños en soidade. Moitas soidades que debemos acompañar para sandalas.

Alá polo anos sesenta oínlle cantar a unha anciá de Canido algo que ela xa recibira dos vellos: “Para mociñas bonitas, presumidas e elegantes, non ch’hai com’as de Serantes, as de Covas e Mandía”. Nós quedamos coa copla. Ben merecen homenaxe as nosas mulleres na nosa festa anual. Celebrámolo e invitamos a facelo. Graciñas. Querémosvos. E aí fica isto:

“MANDIÁ 2017, EN FEMININO E PLURAL”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *