Como me doe a alma: Estou chorando por unha muller

XAQUÍN CAMPO FREIRE. MANDIÁ, 06-03-2018

Si. Dóeme a alma. Podía ser miña bisneta. Recorrín os cen kilómetros de Teixeiro a Ferrol nun continuo salouco. E estou escribindo e chorando. Que triste morrer no cárcere. “Ninguén a quería e decidiu acabar”, dixo con moita pena unha compañeira.

E porén foi ela quen hai un mes consolou ao seu compañeiro no desamparo cando lle chegou a noticia de que había tres días que un irmán del finara nunha estrada de Madrid.

“La cárcel, la fábrica del llanto y el telar de las lágrimas”. Maldigo a cantos se lles enche a boca dicindo “Que apodrezan no cárcere”. Política de baixa taberna ou mesmo de alta alcurnia, mentres non lles toque a eles. Nunca entraches nese lugar. Pois non fales. E non me refiro ao edificio. Estou a falar da soidade.

O cárcere consiste nun único día que se repite teimudamente 365 rutineiras veces cada ano, multiplicado polos anos de cadea. Que pouco saben de humanidade os que piden cadea perpetua revisábel. Que doado é falar desde un diván quentiño arranxando o mundo, a ver quen di a palabra máis forte. Que lles corten a cabeza, diría a Reina de Corazóns. Que cómodas as cadeiras dos Parlamentos!

8 DE MARZO DE 2018. Vaia trofeo! Outra mociña sae cos pés para adiante. A súa vida foi triste. Nai moi nova e logo abusada en grupo. E quítanlle o fillo.

Que saberedes os que salvades o mundo a golpes de Código Penal? Os códigos penais non salvan a ninguén nin arranxan ningún problema. Só satisfán odios vindicativos e a cantos queren sangue de pobres. Porque non nos enganemos. No cárcere só están os pobres. Porque un rico ou estudado no cárcere non ten a mesma penalidade. Lean o libro de D. Mario Conde.

Por que o art. 25, § 2 da Constitución nunca se desenvolveu? Para que todo o da reinserción, rehabilitación e resocialización constituíse unha letra morta.

Querida María, (un nome universal), tocaches o meu corazón de voluntario no cárcere. Hai tres anos fixen un mestrado de Pastoral Penitenciaria. A tesiña foi: “Aprendendo a acompañar soidades no cárcere”. Hoxe teño unha sensación de grande tristeza. Parodiando a Bécquer: Dios mío, que solos se quedan los presos! Na prisión todo o mundo padece soidade. Os funcionarios tamén.

O cárcere é a grande solución para todo. Coma o basureiro de Meirama. O lixo que xeramos na chamada civilización vai todo para alá, para lonxe, e non importa como se trate.

Pero estes son seres humanos. Unha altísima porcentaxe son psiquiátricos, neuróticos, psicóticos, etc. Dá igual. O importante é sacalos de diante e que podrezan alí. Temos unha grande necrofilia apegada a alma colectiva.

Teño que dicirche adeus, amiga. Hoxe tocoume celebrar misa aí onde ti finaches. Xa quixeramos nas parroquias vivirmos tan intensamente estas celebracións. Ti e a túa familia, os teus nenos, enchestes de tenrura unha fe profundamente encarnada na realidade da vida.

Esa si que é Semana Santa sen trampas nin capuchóns. E a fe non navega a golpes de reportaxes declaradas de interés turístico pola Xunta de Galiza.

Queridos todos, os dos centros penitenciarios do mundo, agradezo que de vez en cando me devolvades humanidade e non poida remedialo. Como me doe a alma hoxe: estou chorando por una muller.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *