“TEÑEN A MESMA PATOLOXÍA QUE OS SEUS AVÓS”

XAQUÍN CAMPO FREIRE. 07-08-2017
“Jaime Alonso, portavoz de la Fundación Nacional Francisco Franco, alimentó ayer la polémica en una entrevista en La Sexta”. “Alonso humilló a las víctimas del dictador al destacar de él que «su grandeza es que 40 años después, estos señores [en referencia a los críticos con la situación del pazo de Meirás] tienen la misma patología que sus abuelos y tatarabuelos y no han sido capaces de superar la frustración que Franco y el franquismo les ha provocado». Ata aquí a cita textual. (MARIO BERAMENDI. A CORUÑA / LA VOZ SANTIAGO / LA VOZ 04/08/2017 07:16 H)”.
Sr. Feijoo, se eu dixese esa frase en relación a persoeiros que a vostede e á súa ideoloxía lles doen, xa me terían encausado. Non. Non vou pór exemplos, por si acaso.
Por que non fai ou non o fan o mesmo neste caso cos que profiren frases coma a seguinte?: “Os críticos coa cesión do Pazo aos franquistas, teñen a mesma patoloxía que os seus avós”.
Eses avós citados aínda están nos foxos, nas cunetas e no monte. Si. Xa sei. Cousas da “patoloxía”, din algúns. “O señor alcalde de Baralla, Manuel González, ante a petición de exhumar unha fosa común, afirmou que as vítimas “algo farían” e que o merecían”. (GaliciaÉ, mércores 19 de Agosto de 2015).
Eu coñezo un deses trasavós que o alcanzou “a patoloxía”. Un deses “que o merecían”. Sei onde está soterrado e non facilitan que sexa rehabilitado o seu nome. O motivo foi que cando volvía do permiso militar xa fusilaran varios compañeiros do mesmo barco e aconselláronlle que desaparecese ata que se aclarase o “golpe”. E axiña se aclarou: Tivo de andar fuxido e escapado e morreu de neumonía no monte e houbo que darlle terra alí mesmo, en segredo, porque de non ser así os que lle deran de comer ou de vestir no frío do inverno tamén ían para o foxo pola “patoloxía”.
Que se pretende? Que os netos que “padecen (padecemos) as mesmas “patoloxías” sexan curados coas mesmas medicinas das “cunetas” que aplicou o señor que recibíu o agasallo do Pazo e o sistema por el instaurado? Isto non é apoloxía do terrorismo?
Declaran vostedes: “A Xunta non é competente, non ten competencias”. Que nos queren aclarar? Que vostedes son incompetentes? Ou é que aínda hai outros motivos que non queren dicir? Moita xente coa lingua pequena ten outra opinión moi distinta.
Por veces dinnos algúns deses ben situados desde sempre: “Non levantemos vellas feridas”. E é verdade. Non se levanta nadiña. Por non levantar nin se levantan os mortos oprobiados dos foxos daquela crueldade. Os mortos seguen a berrar coas feridas da honorabilidade e a honradez que seguen abertas e claman moi forte no silencio contra da inxustiza esmagadora da vida que continúa máis alá da morte.
Por iso non descansan en paz. Por iso falo eu hoxe. Por que teñen que estar no monte? Por que os nenos noviños, de oito anos, xa saben e din aínda hoxe: “aquí hai un home soterrado”. Tanto non se levanta nada que en moito tempo non se lle puido nin dicir unha misa: “Era roxo”. E a súa familia, que xa case non a ten, esqueceu o seu nome. Tivo de afogalo.
Pero a veciñanza non temos a conciencia acougada. Esta nosa é “a mesma patoloxía que a dos avós” (aos nosos me refiro), señor Feijoo. Entón eu teño esa mesma patoloxía. E non quero que ese señor Alonso desa Fundación, que xestiona o Pazo de Meirás, ese que opina e diagnostica así con toda seguridade, me chegue a aplicar a mesma medida sandadora e curativa que sandou de vez aos nosos avós. Non quero finar nun foxo oculto e silenciado, sen nome, sen honra, sen poder ser recoñecido polo meu pobo, pola miña veciñanza, pola familia, etc.
O meu nome ten tanta honorabilidade coma o de calquera para poder ser pronunciado na historia. E non teño ningunha “patoloxía” malvada, nin persoal nin herdada. Non teño apelidos compostos, nin importantes, nin falta que me fan. Pero eu non levei a ninguén a estar soterrado no monte onde pacen as ovellas que son máis respectuosas e misericordes do que nós.
Por outra parte, nós fomos forzados a “colaborar voluntariamente” para agasallar a ese “salvador” con esa “pequena e insignificante cousa”: o Pazo da Pardo Bazán.
Sr. Feijoo, vostede é novo. Quero supor que ese sistema, a vostede, nunca lle fixo dano. Sexa vostede feliz.
Pero na súa nómina actual vai que non veñan de novo facer dano a un pobo do que vostede parece ser o caporal democrático e a que ten de defender.
Moitos panos quentes con quen ofende e man dura cos de sempre: co pobo humilde.
Con todo respecto, Sr. Presidente e Señorías da Xunta de Galicia, Sra Valadora do Pobo, pero cunha dor inmensa.

PARROQUIA DE SANTA UXÍA DE MANDIÁ – FERROL

Amigos e amigas: Saudiños e saúde para todos e todas.
Somos igrexa. O noso estilo é: falar, consultar, decidir entre todos, tomar acordos, respectar as discrepancias, integrar as achegas e suxestións de cadaquén, por moi distintas ou pequeniñas que sexan. Se alguén opina diferente é porque ve algo distinto e iso sempre enriquece a visión da maioría. É ben escoitar e atender.
Temos o noso templo ben coidado. Así o deixamos hai xa dezaoito anos. Pero agora necesita novamente unha reparación que se presenta grande e extensa.
Por iso vos vai chegar a invitación que vedes a continuación e que desexariamos, que se podedes, a atendades coma sempre: vindo á asemblea o día 06-08-2017, ás 11:30, na igrexa parroquial.

* MANDIÁ ASEMBLEA PARROQUIAL *
LUGAR: IGREXA PARROQUIAL. DÍA 06-08-217.
ÁS 11:00 EN 1ª CONVOCATORIA. ÁS 11:30, en 2ª.

Queridos parroquianos de Santa Uxía de Mandiá – Ferrol.
Vai para 18 anos que pintamos a nosa Igrexa parroquial, pintamos por dentro, renovamos  tellado e cañeiras, etc. Fixémolo entre todos e en boa harmonía. E ficou a xeito aquel traballo feito.
Aquelas persoas, moitas delas, xa finaron. Outras van maiores. Grazas a todos. Canta gratitude vos debemos!
Agora precisamos volver a baixar as mans polo noso templo se é que o queremos seguir conservando. De non ser así, se o imos deixando, logo será peor. Precisamos coidalo.
O Consello Parroquial e o Párroco, coma sempre, desexariamos aconsellarnos con todos vós:  que hai que facer, como é mellor, etc.  Hai varias posibilidades: facelo todo dunha vez, en varias etapas, contratar, facelo entre nós, etc.
Non. Non é para pedirvos cartos. É para falar e decidir.
Por iso agradeceriamos a vosa presenza ese día. Será unha asemblea informativa, de media hora, na que axudedes a pensar e decidir. É unha obra de todos e cremos que debemos falalo entre todos. Sempre é mellor falar antes. Esperamos que, se podedes, nos acompañedes para informarmos de todo e  logo decidirmos.
Recibide un saúdo afectuoso de todo o Consello Parroquial e todo o respecto e consideración do voso Párroco,

Xaquín Campo Freire

Nunca ninguén me tratou tan mal

XAQUÍN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ. 15-07-2017.

Hai anos tiven a oportunidade de achegarme seriamente á situación de soidade, desamparo e mesmo desprezo social das viúvas e viúvos, incluso con referencia moi especial á nosa Galiza.

Eu vivín iso en primeira persoa desde experiencia da difícil camiñada dun orfo a quen lle faltou unha das dúas principais figuras do apego no corazón da infancia: a morte da nai.

Pero nunca nos faltou o amor por parte do noso pai nin houbo ningún deterioro espiritual e afectivo na presenza amorosa, eminentemente digna, da nosa nai. Todo o contrario. Había moita dor na casa e mesmo falta de “xeito” nos coidados da vestimenta. O noso pai nunca soubera que facer cos vestidos das nenas ou como adaptase ás medras do fillo. Pero endexamais houbo medo, ameazas, descrédito, etc.

Continúa leyendo Nunca ninguén me tratou tan mal

O tempo do preso é tempo de Deus

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 29-06-2017.
Hai xa anos que por primeira vez vin esta frase. Recordo perfectamente o lugar e a hora. Incluso a cadeira e a mesa. Tiña febre. Foi en Madrid. Impactoume fondamente. E logo seguían outros subliñados: “Tampouco escapa ao señorío de Deus o tempo da reclusión”. “Incluso o tempo transcorrido no cárcere é tempo de Deus e, como tal, ten de ser vivido”. “É tempo da persoa”. “Tempo no que cada quen é ‘un mesmo’ diante de Deus, á súa imaxe e semellanza”. “Os poderes públicos poñen entre paréntese, por períodos máis ou menos longos, (seguindo as leis), a liberdade persoal do ser humano”. “Pero eles non son donos nin señores do tempo do preso”. “A condición carceraria ten o risco de despersonalizar ao individuo, privándoo de tantas posibilidades de expresarse a si mesmo publicamente. Porén temos de recordar que diante de Deus non é así: o tempo é «tempo da persoa» para progresar no descubrimento gradual da verdade sobre si mesmo, cara á salvación integral”. “Cada un está chamado a sincronizar o tempo do propio corazón, único e irrepetíbel, co tempo do corazón misericordioso de Deus”. (Mensaxe xubilar do ano 2000. Xoán Paulo II)

Continúa leyendo O tempo do preso é tempo de Deus

Relatorio de gratitude en tres lances

XAQUÍN CAMPO FREIRE. PIÑEIROS E NARÓN,  10.05.2017.

Que gosto dá vervos de novo.

Como estades? Que tal a familia. Estás animado/a?

Eu gosto moito do teatro e dentro de min hai un gran pallaso. Por iso quero facer unha representación un pouco á miña maneira.

ACTO PRIMEIRO: GRAZAS.

“On ne voit bien qu’avec le coeur: O esencial é invisivel”. «E ningunha persoa maior chegará a comprender xamais que isto teña tanta importancia!”.

Mirando aos ollos de cada unha e cada un de vós, entro no voso corazón e aí vexo o esencial: a túa vida. Esa vida que compartimos xuntos en momentos ben intensos da nosa existencia común e comunitaria e por iso hoxe estamos aquí.

Para celebrarmos a vida. A vida de todos.

A vida vai coma un río e nel imos todos xuntos, regando, dando ledicia, frescura, agarimos e por veces hai perigos ou mesmo mortes compartidas. E ás veces, en soidade.

A vida é coma un tren. Facemos traxectos xuntos. Cada un ten a súas estacións de incorporación e tamén de baixada. Pero houbo un feito importante: compartir vagón, cafetería, corredor, sorpresas, pasaxes e paraxes, persoas e paisanaxes, falas e falares.

E seguimos, sen parar. Avanzamos na ruta con diferentes destinos e proxectos.

Pero coincidimos no traxecto. E tivemos unha relación sincera, emotiva, construtiva. Gratificante. Non estás contento/a de estamos xuntos outra vez? Eu, moito.

Porque hoxe vimos emocionados celebrar esa vida. A túa. A dos teus. A dos amigos. A dos que coincidimos no tren desa viaxe ou nas canles gozosas dese grande río. Por iso eu, hoxe,  novamente:  “Coma a un irmán che falo”.

Coma a un irmao e irmá che falo e dígoche:

Continúa leyendo Relatorio de gratitude en tres lances

San Xiao de Roca e a última restauración da Igrexa

XAQUÍN CAMPO FREIRE,. ROCA, 01-06-2017. (NO MEU 80º ANIVERSARIO).

DOCUMENTOS PARA A HISTORIA DA NOSA PARROQUIA DE SAN XIAO DE ROCA

1.- INTRODUCIÓN.- En maio de 2003 cumprín 66 anos. En xuño xubileime da miña profesión civil de ATS-DUE no Centro de Saúde-PAC de Fene, A Coruña. En setembro de 2003 funme a Roma por dous anos a estudar para facer unha licenciatura en Pastoral da Saúde coa finalidade de reciclar a miña formación para esa nova etapa que se denomina terceira idade. Eu desexaba dar un avance cualitativo na simbiose que viña facendo na miña misión de sacerdote e enfermeiro. Fixera ATS co gallo de atender aos xitanos asentados na parroquia de Piñeiros-Freixeiro da que eu era párroco desde os anos 1968-78. Non existía servizo público de saúde.

Por esta ausencia da terra tiven relación epistolar moi frecuente co meu sobriño Roberto Francisco, tamén enfermeiro, que vivía en Roca e era presidente da Comunidade veciñal de montes en man común. Iso fixo que el estivese á fronte liderando moi activamente tamén os problemas da parroquia como entidade sociolóxica. Unha das urxencias desta comunidade veciñal era a igrexa parroquial que se estaba a deteriorar en tel grao que se non se lle valía xa podía ir a ruína. Tamén houbo reforma e ampliación no cemiterio. Por ser eu nativo de Roca tamén me doe todo canto a esta veciñanza lle suceda.

Precisamente por estar lonxe produciuse entre nós os dous unha correspondencia regular por correo electrónico que conservo. Entre esas notas escritas está o relato do proceso de restauración da igrexa de Roca. Penso que, pasados xa trece anos, é interesante dar agora ao público este documento, eliminando previamente o que se refire a cousas familiares.
Continúa leyendo San Xiao de Roca e a última restauración da Igrexa

Xaquín Campo Freire cumpre oitenta anos

 

Narón, 08-05-2017.

Saúdos agarimosos, amigas e amigos:

Seguramente xa che chegou por algún medio a noticia de que no serán do día DIA DEZ DE XUÑO se vai celebrar un encontro de recoñecemento comunitario ao traballo e á persoa deste noso benquerido amigo Xaquín de Roca.

O comezo: ás cinco do serán na parroquia de PIÑEIROS- NARÓN. (Ao ladiño do Asilo-Residencia San José).

Ás seis no Auditorio Municipal, Praza de Galicia, (ao lado do Concello de Narón, Alto do Castaño), haberá un programa moi completo de actos con participación activa e presenza de xentes vindas de toda Galiza. Pensamos que vai valer moito a pena. A entrada é pública. Vai reservando a data na axenda.

Dentro duns días enviarase a todos o programa detallado con todas as intervencións e dando conta cumprida da publicación dun libro que xa  está a saír.

Con toda amizade. Nieves Espiñeira Medín

 

Colaboran: Concello de Narón, Galicia Digital, Asociación Xermolos, Irmandade Manuel María, Revista Irimia e Encrucillada e as varias parroquias nas que traballou.

Un ramo na vida dos nosos maiores

XAQUÍN CAMPO FREIRE, MANDIÁ, 02-05-2017

 

UN RAMO NOVO DE VIDA NA NOSA PARROQUIA DE MANDIÁ.

UNHA HOMENAXE AOS NOSOS ANCIÁNS E ANCIÁS.

DAQUELA RAPACES NOVOS.
HOXE HOMES E MULLERES VENERÁBEIS.
XA NO ALÉN, MOITOS DELES.
QUEREMOS CELEBRALOS A TODOS.

PÓR UN RAMO DE VIDA NA VIDA DOS NOSOS MAIORES.

 

  1. Estamos de centenario. 1917. Foron as aparicións da Nª Sª a Virxe María en Fátima a Lucia, Xacinta e Francisco en Leiría Portugal.
  2. A Fátima nós peregrinamos no 06-06-2013. E xa antes.
  3. Estivemos na misa e procesión dos enfermos e das candeas.
  4. No ano 1953 vós mesmos empezastes esta festa de Fátima aquí. Trouxestes dela unha imaxe fermosa. Artista: o ferrolán Feal.
  5. Sodes moitos os que gardades memoria. Erades novos. Aquela xente nova da que tan ben falou e á felicitou o bispo, D. Mariano Vega.
  6. Somos familia. As cousas da familia celébranse en familia. Non queremos perder a nosa festa da Fátima. Hai anos que a deixamos.
  7. Este ano en clima de festa familiar ímola celebrar aquí en Mandiá:
  • Cos nosos anciáns.
  • Día da nai e das avoas.
  • Día de Ramos na Santa Cruz de maio en cada persoa.
  • Colaborando todos coa nosa presenza amorosa.

OBXECTIVO:

 

  • Celebrarmos a vida dos vivos e a memoria dos anteriores
  • Volver á vida da parroquia aínda que só sexa por un día. Saír das casas e sabermos uns dos outros. Vérmonos fisicamente.
  • Non perdermos as caras. Se nos encerramos perdémonos de vista e perdemos vida.
  • Unir o mundo dos maiores e o mundo dos novos.
  • Festexarmos xuntos e falármonos con paz e tranquilidade.
  • Recordarmos agradecidos aos nosos anteriores.

PROGRAMA.

  • DÍA 13 DE MAIO DE 2017. SEIS DA TARDE. MISA.

Día da nai.  Celebración da chegada da imaxe a Mandiá na misión do 13 e 15 de novembro de 1953. Recordo dos nosos.

 

  • DÍA 14 DE MAIO DE 2017. CINCO DA TARDE: CONVIVENCIA-FESTIÑA-MERENDA cos nosos anciáns máis anciáns. Entrega dos Ramos na Igrexa Parroquial como agradecemento emocionado aos nosos maiores que o tendes ben merecido.

MANDIÁ 2017: A NOSA SEÑORA DE FÁTIMA. LEMBRANZA.

SANTA VISITA PASTORAL Á PARROQUIA DE STA. UXÍA DE MANDIÁ

O 13 DE NOVEMBRO DE 1953,

FEITA POLO BISPO DR. D. MARIANO VEGA MESTRE.
(XAQUÍN CAMPO FREIRE. (Publicado na web Mandiá.es).

 

“Nesta data o Excmo. E Rvdmo. Sr. Bispo, D. Mariano Vega Mestre, visitou a Parroquia de Mandiá.

Foi recibido por unha multitude de fieis nas cercanías do templo parroquial, que se dirixiron logo todos en ordenada procesión. …. Falou da unidade da Igrexa da que todos formamos parte.

Invitou a intensificar a vida de piedade e propuxo como medios a Comunión frecuente e a devoción a Stma. Virxe María, rezando cada día o Sto. Rosario en familia. Invitou ós cabezas de familia a inscribírense no Libro do Sto. Rosario, que se abrirá na Parroquia. Celebrou misa, mentres un padre misionario explicaba ós fieis as diversas partes da misa. Comungaron numerosas persoas.

Visitou o Cemiterio, o Santísimo, a pía bautismal, os confesionarios, os altares e outras dependencias do templo. Revisou os ornamentos e obxectos do culto sagrado. Despois da conveniente explicación e instrución catequética e exame de confirmandos o Excmo. Prelado confirmou a cincuenta e seis nenos e a cincuenta e oito nenas.

Ultimamente o Sr. Bispo facultou ó Rvdo. Sr. Cura Párroco e ós Padres misionarios para bendicir a imaxe da Nª Sª de Fátima, que se efectuará o próximo domingo, día quince, e para a que regalou á xente nova, encargados de arrecadar fondos para mercar a imaxe, cen pesetas.

Fixo un chamamento sentido ós país de familia para que coiden da instrución catequética dos seus fillos, advertindo que é un pecado descoidar este sagrado deber que lles é propio. Ordenou que se retiren dos altares as figuras de cera”
Nota: Este texto está tomado do Libro de Fábrica de Santa Uxía de Mandiá 1893-1968. Era Párroco, xa moi anciano, o benquerido D. Xosé Balseiro Quirós. Finou en 1956.

 

ANO 2017.IMOS PÓR UN RAMO NOVO DE VIDA NA NOSA PARROQUIA

POÑENDO UN RAMO NA VIDA DOS NOSOS MAIORES”.