O galego é o idioma máis difícil do mundo

XAQUÍN CAMPO FREIRE, XAQUÍN DE ROCA, 10-11-2017

Chino, xaponés, húngaro, inglés, árabe, hebreu, …, Nada que ver!

“Por que o éuscaro aumenta en falantes e cae o galego?” (galicia confidencial | compostela | 05/11/2017).

 Só os pobres e as crases populares son capaces del. Será que como están acostumados a traballar, de paso, tamén traballan o galego. Por iso o galego non viste. Pero resiste.

Que vas esperar dunha lingua falada por campesiños, agricultores e labregos, por xentes do mar e peixeiros, por obreiros da construción e outros oficios manuais?

Aos nenos, temos a teima sa de nunca falarlles en tal idioma. Romperiámoslles o cerebro. Mesmo o cranio. É tan difícil! Para que ese esforzo?

Os rapaces e a xuventude, para ligar, non poden ter atrancos nin poñer máis dificultades nesa arte xa de por si ardua, custosa e traballosa.

Na familia, nas casas, o galego dános categoría de pouca crase e todos pretendemos ter un rol importante na sociedade dos “bonitos”.

Como vas chegar a un banco, aos médicos, avogados, arquitectos funcionarios dos concellos, políticos, concelleiros, xentes importantes de “LA JUNTA” de Galicia, urbanitas de visón e roupa de marcas únicas, etc., falándolles na xergas, baralletes, trampitáns ou argots dos purrelas, palafustráns ou xentallas suburbiais?

Agora ata xa se lles fala castelán as vacas para que así entendan cando as vendes para as cidades ou para fóra da Galiza. Mesmo aos canciños de colares con pedraría ou chaleques aquecedores dos rins. Trátase da promoción cultural dos de abaixo e desde abaixo e así xa poden coller exemplo os patufos e aldeáns, que están menos civilizados ca os cans.

Continúa leyendo O galego é o idioma máis difícil do mundo